Verbascum simplex


Bienal (o primeiro ano só bota a mouta basal), con talos de ata 200 cm. de altura, simples ou ramificados, recubertos de tomento griseiro. Folla alternas, as basais pecioladas, de 10-40 x 4-12 cm., máis ou menos elípticas, as caulinas tanto máis decorrentes canto máis arriba aparecen.

Inflorescencia en espiga racemosa simple ou composta, con brácteas de 7-8 mm., lanceoladas, enteiras, tormentosas, de 3-4 veces o longo dos pedicelos. Flores 2-4 por fascículo en cada bráctea. Cálice de 4,5-7 mm., fendido case ata a base. Corola amarela de 20-25 mm., exteriormente pubescente. Estames, 5, dimorfos, os superiores con filamentos recubertos completamente de pelos filiformes de cor amarela pálida, os inferiores con pelos só na metade inferior. Estigma capitado.

Froito en cápsula globosa de 5-7 mm.

Florece entre xuño e setembro, en especial nas zonas baixas de Galiza. Emprégase como antitusíxena. As sementes, para diluír nos ríos, emponzoñando as augas para pescar os peixes con artes pouco nobres, de onde procede a palabra "enverbascar".


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Tagged:  Scrophulariaceae

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.