20 Feb
20Feb

Perenne, con talos estriados, lampiños e rexos de entre 5 e 25mm de diámetro e ata 2 metros de altura que xorde dun tubérculo napiforme, fibroso. As follas inferiores 1-3 veces pinnatisectas, de ata 40 x 30 cm., levan pecíolo, raquis e envés pelosos, sendo os lóbulos oblongos, de 5-15 mm. As follas superiores constan só de pecíolos con vaíña inflada, sen limbo.

A inflorescencia é unha ampla umbela esferoidal (poden aparecer outras menores), con (6)9-29 radios, con poucas ou ninguna brácteas ou bractéolas.

O froito, de 8-15 mm., elíptico, leva ás laterais de 2-4 mm. de ancho, emarxinadas na base, transversalmente estriadas e de cor acastañada.

É unha planta tóxica, que foi usada como purgante. A resina da súa raíz empregouse para enfermidades pulmonares.

Coma curiosidade, apuntar que esta planta (entre outras) empregábase antigamente para pescar nos regatos. Impregnando as augas coa resina da súa raíz, os peixes quedaban aloulados, e dese xeito podíanse capturar con facilidade.

Florece entre maio e xullo en claros de bosque ou matorreiras de toda Galiza.


Lugar de observación: Taboada. Silleda.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.