Upupa epops


Paxaro de 25-29 cm. Sexos semellantes. Ás, parte inferior do lombo e rabo fortemente contrastados en branco e negro; infracobertoiras caudais brancas; resto do corpo castaño con matíz rosado no pescozo e peito dos machos; notable crista eréctil con puntas negras; patas cincentas; peteiro longo e decurvado; ás redondeadas.

Os inmaturos son semellantes aos adultos, pero coa crista e peteiro de menor tamaño. O canto é un "bub-bub-bub". (Escoitar canto de Upupa epops)

Voo ondulado e baixo con batidos irregulares das ás. Vese pousada en camiños rurais.

Presente en toda Europa central e meridional como estival. Inverna en África tropical oriental. Abondosa en toda a Península Ibérica.

Común en Galiza ata 1.500 metros de altitude, aínda que é escasa no terzo norte. Vese como estival de fins de febreiro a setembro-outubro.

Habita en cultivos, hortas e áreas abertas en xeral.

Aniña en ocos de vellos edificios e máis raramente nos das árbores. Pon de abril a xuño 4-7 ovos brancos cincentos que choca a femia durante 18 días; os polos voan ás 4 semanas. Aliméntase de miñocas, arácnidos, insectos, larvas e especialmente do relo (Gryllotalpa).


Lugar de observación: Inmediacións do río Deza. Taboada. Silleda.


  • 19/01/2017
  • 06/02/2017

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.