19 Jan
19Jan

A cegoña branca mide entre 95 e 112 cm. Ten a plumaxe totalmente branca agás as primarias e secundarias que son negras, tanto por arriba coma por abaixo. Peteiro e patas longos e vermellos. Os exemplares inmaturos teñen ata o 2º ano as patas e peteiro pardos avermellados e cor lixeiramente parda nas cobertoiras das ás. Estas últimas son longas e dixitadas. Báteas lentamente alternando con pairos. Poden verse camiñando polo chan.

No niño, os adultos botan a cabeza atrás e baten as queixadas ritmicamente producindo un son de carraca. (Escoitar Ciconia ciconia)

 

É unha especie paleártica e estival. Na península ibérica aniña no val do Ebro e na metade occidental. En Galiza pode verse esporádicamente por toda ela a partir de febreiro como estival e aniñante, e en ambos casos está en incremento. Dende hai uns anos vense observando que algúns exemplares permanecen durante o inverno. Habita en zonas húmidas coma ribeiras de ríos e marismas, pero tamén se ve en terras cultivadas. O macho a partir de marzo constrúe ou repara un grande niño en chemineas, campanarios, árbores, grúas de obra... A posta componse de 3-5 ovos brancos que chocan ambos pais de marzo a abril durante 34 días. Os polos voan ao cabo de dous meses. Aliméntanse fundamentalmente de insectos e tamén de anfibios, réptiles, peixes e micromamíferos.

Dende xa fai uns anos, poden verse na nosa comarca. As dúas primeiras fotografías foron tomadas no mes de abril de 2016 en Lalín, nun prado lindeiro co centro da vila e ténse localizado un niño nunha grúa de obra próxima. As dúas últimas corresponden cun niño localizado entre Álceme e Paredes, moi preto do rego de Portacaseiro, no concello de Rodeiro no mes de xuño de 2016. As cegoñas na nosa comarca pódense ver xa ata nos meses de outubro e novembro, algo que se debe tanto á súa expansión por todo o territorio galego, coma ao cambio nas condicións climáticas que se está a experimentar e que levan a moitos exemplares a quedarse por máis tempo no territorio e incluso a non migrar ao continente africano.


Lugar de observación: 

  • Carragoso. Lalín. (03/04/2016)
  • Paredes. Rodeiro. (20/06/2016)
  • Paseo do Pontiñas. Lalín. (29/12/17)


Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.