18 Jan
18Jan

O "Lavanco real" é unha ave da familia Anatidae. Mide entre 50 e 65 cm. O macho ten cabeza e pescozo verdes, este último cun colar branco; peito e papo castaños; corpo cincenzo; espellete morado abeirado de negro e branco; rabo curto, negro, en cuña, coas rectrices externas blancas e características plumas reviradas cara arriba; infracobertoitas caudais negras; peteiro amarelo e patas alaranxadas. (Escoitar Anas platyrhynchos)

En "plumaxe de eclipse" (xuño-setembro), é coma a femia, pero coa cor do peteiro amarela e o curuto e risca ocular máis escuros e o peito arrubiado. A femia é parda apencada, co curuto e risca ocular escuros e cella pálida; rectrices externas abrancazadas e infracobertoiras alares claras; ten espellete, e o peteiro é pardo alaranxado.

Os inmaturos son semellantes a ela, pero con peteiro arrubiado e pés amarelos. A femia desta especie diferénciase da do Pato cincento pola coloración do peteiro, polo ventre, que na especie descrita non é branco, e pola diferente cor do espellete; e da femia do Pato careto, polas marcadas bandas brancas do espellete da especie descrita.

É unha especie holártica. Cría en toda Europa, así coma na Península Ibérica. En Galiza é sedentario abondoso con numerosos individuos invernantes e parece ir en aumento.

Reprodúcese tanto na beiramar coma seguindo os cursos fluviais e noutras zonas húmidas. É a anátida aniñante máis común. A femia constrúe o niño no chan entre a vexetación, a maioría das veces preto da auga, pero tamén a bastante distancia dela en ocasións. Pon dende febreiro a xullo entre 7 e 16 ovos brancos verdosos que choca durante 28 días.

Aliméntase de sementes, herbas, insectos, anfibios, moluscos, etc.


Lugar de observación: Lago do Pontiñas. Lalín.


Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.