Sturnus unicolor


09 Apr
09Apr

Paxaro de 19-22 cm. Sexos semellantes. En plumaxe estival o macho é totalmente negro brillante co peteiro amarelo e as patas rosas claras e a femia máis apagada e algo máis pintada. En plumaxe invernal ambos sexos son negros agrisados lixeiramente pintados, principalmente polas partes inferiores; peteiro escuro.

Os inmaturos son pardos cincentos, lixeiramente apencados e coa gorxa clara. O seu canto é un asubío "chíuuu-uui-urulirulu" máis agudo ca o do Estorniño pinto e mentres o emite sacode as ás.

Endemismo do norte de África e a Península Ibérica. En Galiza é sedentario e moi  numeroso, pero faise máis raro nas zonas montañosas.

Habita en campos, zonas de cultivo e parques e xardíns de poboacións.

Cría en pequenas colonias en buratos das árbores, paredes e penedos. Pon de fins de marzo a fins de xullo 4-7 ovos azuis claros que chocan ambos proxenitores durante 13 días; os polos deixan o niño aos 20 días. Dúas roladas. Aliméntanse de insectos e as súas larvas, miñocas, sementes e froitas.

É ave moi gregaria, tanto para comer como para durmir. Hai grandes durmidoiros de varios milleiros de exemplares en Santiago, A Coruña, Lugo... En inverno vaga mesturado co Estorniño pinto.


Lugar de observación: Lalín.

06Feb
Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.