14 May
14May

Paxaro de 11,5-13 cm. O macho en plumaxe nupcial ten a cabeza negra, partes superiores pardas moi escuras, peito arrubiado; laterais do pescozo, ventre e mancha alar brancos; mitra castaña apencada en escuro cunha pequena mancha branca no centro. En inverno as cores son menos intensas.

A femia e os inmaturos teñen a cabeza, partes superiores e mitra castañas raiadas en escuro e semicolar pouco notorio. Seméllanse á femia do Chasco rabipinto, pero este último ten a gorxa máis clara, rabo con manchas desa cor e a cella ben visible.

A súa voz é un "chac, chac, tsuit, chac", e en primavera un canto melodioso e breve. Realiza movementos espasmódicos do rabo e das ás en puntas de paus, mato e arames eléctricos. Voo curto e baixo.

Paleártica. Sedentario en toda a Península Ibérica. En Galiza é común e sedentario.

Habita en zonas de cultivo e monte baixo. Aniña no chan entre vexetación baixa. De marzo a xullo pon 3-5 ovos verdosos apencados en pardo que choca principalmente a femia durante 14 días; os polos deixan o niño ao cabo de 13. Dúas roladas e ata tres. A seguinte foto pertence a un xuveníl:

Aliméntase principalmente de artrópodos, tamén de lepidópteros, dípteros e outros insectos e as súas larvas, arácnidos, etc.


Lugar de observación: Paseo do Pontiñas. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.