01 Mar
01Mar

Paxaro de 13-14,5 cm. Sexos iguais. Cabeza parda cincenta e gorxa e peito cincentos; costas raiadas escuras; lombo pardo, tamén raiado en negro; ventre abrancazado; rabo castaño escuro algo escotado; peteiro fino. Os inmaturos son pardos máis claros e moi raiados por abaixo.

Exemplar xuvenil

Voo baixo, de mata a mata. Difícil de ver a non ser cando se pousa para cantar desde un lugar alto. Chamada de contacto: un agudo "tsip". Seméllase á femia do Pardal común, agás no peteiro que nesta última é máis groso.

Na Península Ibérica cría no cuadrante noroccidental e Pirineos. En Galiza é principalmente sedentaria e común ata os 1.800 metros de altitude. En inverno incrementa o seu número coa chegada de individuos procedentes sobre todo de Alemaña e Gran Bretaña. Tamén se pode ver en paso primaveral e outonal.

Habita en matos, silveiras, toxeiras, xesteiras, etc.

Constrúe o niño no mato e nel pon de finais de marzo a xullo 3-5 ovos azuis que choca a femia durante 13 días; os polos voan ao cabo doutros 13. Dúas roladas. Aliméntase de insectos, larvas, vermes e arañas; tamén de sementes de leguminosas e gramíneas.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.