02 Jan
02Jan

Paxaro de 11-12 cm. Sexos iguais. Practicamente indiferenciable do "Picafollas europeo" pola súa morfoloxía, non obstante pódese dicir que é algo máis verde por enriba sen a tonalidade parda e dun amarelo limón máis limpo polo peito e subcobertoiras caudais, e co centro do ventre branco puro.

A diferenza máis notoria é o seu canto consistente nun "suit-suet-suit-suit-bit-bit-bit" e o seu reclamo un "piu" descendente e queixoso (no "Picafollas europeo": "sib-sab-sib-sib-sab" repetido e o seu reclamo "uit" tamén repetido").

Pode confundirse co "Picafollas cantor", pero este ten as patas máis claras, o anel ocular inapreciable, a risca supraocular máis nidia e as ás de maior envergadura, nas que a 3ª e 4ª primarias son as máis longas.

En Galiza cría e é común de marzo-abril a outubro por todo o territorio, aínda que a súa marcha posnupcial se detecta xa a partir de finais de agosto. Parece predominar sobre a especie anterior en Pontevedra.

Habita en bosques e vexetación arbustiva fresca de ribeiras fluviais, parques, etc.

Aniña a rentes do chan. O niño ten forma de bóla con abertura lateral. Pon de maio a agosto 5 ovos brancos punteados en pardo que choca a femia durante 13 días; os polos deixan o niño noutros 13. Dúas roladas. Aliméntase principalmente de insectos e as súas larvas, pequenas arañas e , ocasionalmente, de pequenos moluscos, sementes e bagas.


Lugar de observación: Paseo do Pontiñas. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.