12 Jul
12Jul

Paxaro de entre 14-16 cm. O macho ten as partes superiores pardas raiadas de escuro; curuto e mitra cincentos; caluga castaña; papo e gorxa negros -as veces esa mancha é pequena-; risca alar branca; laterais da gorxa brancos; fazulas, peito e ventre brancos lixados agrisados.

A femia e máis os inmaturos son máis apagados e carecen de negro na gorxa e papo e non teñen o deseño cincento acastañado da cabeza dos machos. 

Canto ruidoso e rinchante "chirip-chirip". (Escoitar Passer domesticus)

Voo recto. Seméllase ao Pardal orelleiro, pero este último ten o curuto castaño arrubiado e unha mancha negra a modo de orella.

É un paxaro cosmopolita. En Galiza é sedentario, moi común e está distribuido por toda ela ata os 1.100 metros de altitude. Habita nas proximidades aos asentamentos humanos.

Constrúe o niño debaixo das tellas ou en buratos de paredes e árbores. En ocasións, colocan o niño no interior dunha construción máis grande, por exemplo un niño de rapaz ou cegoña. Na súa preparación, a parella utiliza herbas, palla e finas poliñas, así como algúns compoñentes máis suaves para tapizar a cunca, como plumas, pelo ou materia téxtil.

Neles pon de abril a agosto 3-5 ovos brancos pintados de pardo e cincento que chocan os dous pais durante 14 días; os polos voan aos 15. Ata tres roladas.

Aliméntanse de grans, sementes, insectos e diversos refugallos humanos. Xúntanse para durmir.


Lugar de observación: Donramiro. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.