Paxaro de 14-16,5 cm. O macho en plumaxe estival ten as parter superiores cincentas, gorxa e peito cremosos e ventre branco; anteface e parte superior das ás negros; rabo branco e negro cun deseño en T invertido desta última cor; risca supraocular branca que se une sobre o peteiro. En outono-inverno, ao igual cá femia e os inmaturos, ten as parter superiores e anteface castaños; ás pardas con plumas abeiradas en crema; riscas supraoculares tamén cremosas.
Todos teñen as patas negras. Existen variacións individuais na cor. A subespecie do norte e centro de Iberia é O. o. oenanthe, a do Sur e Leste O. o. nivea: a primeira é máis cincenta azulada no dorso dos machos; a segunda, máis prateada.
En paso vese tamén a subespecie de Islandia e Grenlandia, O. o. leucorhoa, que é algo máis grande, especialmente nos tarsos, con partes inferiores máis escuras.
Voo baixo. Pousa no alto de pedras do chan (O. o. leucorhoa en migración, tamén en árbores).
A súa voz de alarma é un "chac-chac". (Escoitar Oenanthe oenanthe)
Paleártica. Estival en toda Europa. Inverna en África tropical. Cría en toda a Península Ibérica, pero falta en extensas zonas, especialmente de Extremadura. Notorio paso primaveral e outonal. En Galiza é estival e vese tamén nos pasos prenupcial de mediados de marzo - primeiros de maio e principalmente no posnupcial de agosto a outubro.
Habita en campos ermos, dunas e as partes superiores de cantís.
Fai un niño voluminoso en buratos do chan ou de valos, ou ao acocho de pedras e nel pon de abril a xuño 6 ovos azuis claros que choca principalmente a femia durante 14 días; os polos deixan o niño noutros 14-15 días, pero non voan ata as tres semanas.
Aliméntase sobre todo de insectos, larvas, arañas e moluscos que captura en voo ou no chan.
Lugar de observación: Monte Faro. Rodeiro.