27 May
27May

Paxaro de 16-18 cm. O macho ten a cabeza, caluga e mitra cincentas azuladas; parte superior das ás e lombo pardos arrubiados; rabo negro coa base das rectrices externas brancas; anteface negro abeirado en branco; partes inferiores cremosas rosadas. A femia ten as partes superiores pardas e as inferiores finamente ondeadas en castaño; o anteface é pardo esluído con liña superciliar clara.

Os inmaturos teñen as partes superiores pardas arrubiadas moi ondeadas e as inferiores cremosas e escamudas no peito e nas costas.

Paliártica. En Europa é estival e aniña do sur de Escandinavia ao Mediterráneo. Na Península Ibérica preséntase de primeiros de maio a finais de agosto-setembro unicamente no terzo setentrional. O paso outonal faino costeando todo o Mediterráneo cara o leste para invernar en África tropical; na primavera fai ao contrario.

En Galiza é estival de maio a setembro e pouco común, e ao parecer está en incremento como aniñante. Distribúese de modo irregular e vai diminuíndo de leste a oeste.

Habita en terreos con arbustos e mato abondoso.

Cría en arbustos nun niño voluminoso. Pon de xuño a xullo 5-6 ovos que van de branco cremoso a verde oliva finamente apencados que choca principalmente a femia durante 14 días. Os polos deixan o niño ao cabo doutros 14. Aliméntase sobre todo de insectos, a maioría himenópteros e coleópteros, pero tamén (en menor medida) de pequeñas aves, micromamíferos, réptiles e anfibios.


Lugar de observación: Serra do Candán. Zobra. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.