03 Nov
03Nov

Paxaro de 17-20 cm. Sexos iguais. Ten as partes superiores e inferiores moi escuras; cabeza achocolatada e grande babeiro branco; rabo curto, que leva lix eiramente ergueito e que move constantemente; pálpebras brancas. Os inmaturos son pardos cincentos pola parte superior e escamentos pola inferior. Vese pousado nas pedras do centro e beiras dos ríos. Voo rápido a rentes da auga. A súa voz é un "tit-tit-tit" curto e sonoro mentres voa ou se desplaza.

Paleártica. Sedentario e distribuído sobre todo pola metade norte da Península Ibérica, agás na beiramar. En Galiza é sedentario e pouco común.

Habita en ríos, preferentemente nos cursos altos e medios con auga de boa calidade e, en xeral, pouco alterados. O seu hábitat potencial constitúeno ríos de media ou alta montaña, de máis de 3 metros de anchura de leito e pendentes medias de entre o 2% e o 15%, así como de profundidade escasa (que permita o afloramiento de pedras no curso do río) e cunha boa calidade da auga (que posibilite a presenza de ricas poboacións de  invertebrados acuáticos). O leito debe ser o máis natural posible, aínda que pode soportar unha presión moderada de transeúntes e actividades humanas.

Constrúe un niño globular con entrada lateral baixo as pontes, fervenzas e muíños vellos. Nel pon de marzo a maio 4-7 ovos brancos que choca a femia durante 16 días; os polos voan logo de 24. Dúas roladas. É un especialista no consumo de invertebrados acuáticos (particularmente larvas de efémeras, moscas das pedras, libélulas, escaravellos acuáticos e frigáneas), aínda que tamén se alimenta doutros insectos, moluscos e pequenos crustáceos. Para capturar o seu alimento, busca de forma moi activa (ben mergullando, ben  semisumerxido) baixo as pedras e entre as algas. Realiza frecuentes e continuas inmersións de poucos segundos, entre 5 e 10 por minuto (raramente, máis de 11).

(Exemplar xuvenil)

A especie atópase en regresión dende os anos oitenta do pasado século en case toda a súa área de distribución. Os efectivos ibéricos parecen reducirse de maneira xeneralizada, a pesar de que na última década apareceron novas poboacións no terzo sur peninsular. A tendencia xeral, con todo, parece claramente negativa, cunha poboación mínima estimada nunhas 3.300 parellas.

É unha ave moi sensible á alteración do seu hábitat, polo que a crecente deterioración de ríos e arroios está directamente relacionado coa cada vez menor presenza da especie. A degradación das concas, a contaminación e a acidificación das augas son responsables da desaparición dos invertebrados que lle serven de alimento, mentres que a regulación dos ríos por construción de presas, canles, tomas de auga, etc., reduce o hábitat óptimo da especie.

Doutra banda, a presenza continua de paseantes, pescadores ou excursionistas nas ribeiras onde cría, pode provocar a perda de postas. Actualmente, aínda que o merlo acuático non se inclúe no Libro Vermello das aves de España, a deterioración xeral dos cursos de auga xa colocou á especie ao bordo da extinción nalgunhas rexións mediterráneas. No Catálogo Nacional de Especies Ameazadas aparece incluído dentro da categoría “De interese especial”.


Lugar de observación: Río Arnego. Toiriz. Vila de Cruces.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.