Ardea cinerea


Dimensións entre 84-102 cm. Sexos iguais. Ten o dorso e ás grises, nestas as plumas remeiras son moi escuras e o vértice flexor branco e negro; cabeza, peito e ventre brancos; ao longo do pescozo, peito e costas mostra unhas riscas lonxitudinais en negro; longa crista e lista ocular negras; peteiro longo amarelo e patas pardas amareladas ou verdosas tamén longas, ambos os dous arrúbianse na primavera.

Os inmaturos ata o segundo ano teñen a crista pequena, o curuto cincento escuro, o pescozo agrisado e carecen de risca ocular. Voo lento coas ás arqueadas e pescozo encolleito redondeado.

Emite unha soa nota áspera: "croac". Pousan tanto no chan coma nas árbores. (Escoitar Ardea cinerea)

En Galiza é común e vese ao longo de todo o ano, especialmente nos pasos cando é moi abundante e poden contarse en determinados lugares ata un cento de exemplares. Como invernante pasou dos 200-260 exemplares no quinquenio 81-85 a 723-1123 no 96-00. Aniña localmente.

Habita en esteiros, marismas, encoros, lagoas. Segue os cursos fluviais.

Aniña xeralmente en árbores altas, tamén entre carriceiras e xunqueiras. Constrúe o niño a finais de febreiro-marzo con paus, ramas e carrizos e nel pon 3-5 ovos grises azulados mate que chocan ambos proxenitores durante 26 días; os polos voan ao cabo de 55. 

Aliméntase de peixes, anfibios, réptiles, micromamíferos, insectos e mesmo polos de aves.


Lugar de observación: 

  • Lago superior do Pontiñas. Lalín. (2017)
  • Rego da Laxe. Lalín. (2017)
  • Prados próximos ao Paseo do Pontiñas. Lalín. (2017)
  • Río Deza. Carboeiro. Silleda (2017)
  • Prados en Sello. Lalín. (Avistamento de parella) ( Xaneiro 2017)
  • Prados próximos ao Paseo do Pontiñas. Lalín. (Avistamento de 6 exemplares) (Marzo 2018)


Tagged:  Ardeidae
  • 19/01/2017
  • 06/02/2017

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.