07 Jul
07Jul

Ave de 32-35 cm. de sexos semellantes. Partes superiores pardas arrubiadas; lista superciliar e gorxa brancas; peteiro, anel ocular e patas vermellas; colar negro que sobe ata o ollo e papo riscado de negro; peito cincento; partes inferiores pardas alaranxadas; costas listadas; rabo curto e arrubiado; os machos teñen esporóns.

Os inmaturos teñen a gorxa cincenta sen colar negro, pero con pencas negras. Voo a rentes da vexetación; nel aprécianselle as ás curtas e redondeadas que bate rápidamente ao que segue unha escorregada antes de apeonar. 

Vive en bandos. A súa voz é un "chac-chac-crearrr".

Na Península Ibérica é sedentaria e común nos hábitats apropiados. En Galiza é sedentaria e foi común en todo o territorio; actualmente a subespecie autóctona escasea. A estes individuos agréganse anualmente aves procedentes de granxas cinexéticas que non se integran no ciclo biolóxico por seren cazadas ao pouco tempo.

Habitan en monte baixo e labrado. Aniña en depresións do chan ao acocho de mato. Pon de abril a xuño -a posta atrásase nas zonas montañosas- 10-18 ovos brancos amarelos algo apencados de castaño que chocan ambos proxenitores durante 23-25 días; os polos son nidífugos e voan ao mes. Aliméntanse de gráns, insectos, vermes, herbas, gromos, etc.


Lugar de observación: Rodelas. Maceira. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.