01 Jan
01Jan

Paxaro de 13-15 cm. Sexos iguais. Os adultos teñen a cabeza branca cunha ancha lista supraocular moura que vai dende diante do ollo ao lombo, por onde se anchea e prolonga abeirada de rosado a ambos lados; partes inferiores brancas que pasan a rosado no ventre e as costas; rabo longo e graduado (7-9 cm.), negro coas beiras brancas; ás mouras con riscas claras; anel ocular laranxa; peteiro negro moi pequeno e patas pardas.

 

Os inmaturos carecen de rosado e teñen fazulas escuras e partes superiores pardas. Sobre a cor xeral dos adultos danse diversas subespecies. Voo ondulado e curto. A súa voz é un "tsirap" e un "tsi-tsi-tsrr".

Paleártica. En Galiza é común e sedentario. Habita en fragas, especialmente preto de cursos de auga.

Constrúe o niño ovoide con entrada lateral en espiños, hedras e árbores, entre 1 e 6 metros. Pon dende abril 6-10 ovos brancos apencados en pardo que chocan ambos pais durante 14 días; os polos voan ao cabo doutros 14. Aliméntanse de insectos, arañas, vermes e ocasionalmente de bagas.


Lugar de observación: Paseo do Pontiñas. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.