23 Apr
23Apr

Urodelo de aspecto algo gordocho, con cabeza grande e dúas grandes glándulas parótides a ambos lados da cabeza. Lonxitude total entre 12 e 18 cm., dos que entre 6 e 11 corresponden ao corpo. Cola de sección redondeada.

Cor negra brilante con manchas irregulares amarelas, aínda que varía moito segundo a zona xeográfica; hai zonas onde son case negras e noutras practicamente amarelas. A coloración ventral é máis esvaecida.

Ocupa toda Galiza, dende o nivel do mar até os 1.800 metros de altitude, aínda que é máis abundante polo norte. Aínda que pode aparecer en calquera tipo de hábitat, acostuma a ser máis abundante en fragas sombrías e húmidas. Especialmente nocturna, encóntrase maís cómoda entre a follaxe, baixo pedras... Non se afasta excesivamente dos cursos de auga, máis non se interna neles.

A especie é ovovivípara; as femias paren entre 5 e 80 larvas (en un ou varios partos) ao longo de todo o outono, podendo prolongarse até a primavera en zonas de montaña. O parto prodúcese normalmente na auga, en fontes e pequenos regatos, aínda que algunhas veces as femias paren en terra larvas xa completamente metamorfoseadas.

A lonxitude total das larvas, antes de completar a metamorfose, pode chegar aos 65 mm. As larvas, ao estar xa parcialmente metamorfoseadas, teñen as catro extremidades desenvolvidas e aspecto robusto. Cor parda, excepto o ventre, que é de cor branca. A crista dorso caudal comeza á metade do dorso, e a punta da cola é redondeada.

A dieta máis habitual destes salamandrinos é a base de larvas de insectos, miñocas e gasterópodos, así como pequenos araneidos.

Aínda que é unha especie moi estendida por toda a xeografía galega, as súas poboacións están en regresión. Estes anfibios vense afectados polo desecamento de zonas húmidas, así como pola introdución de especies foráneas de peixes e cangrexos, que depredan sobre as postas e larvas.


Lugar de observación: Taboada. Silleda.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.