30 Apr
30Apr

Urodelo de pequeno tamaño, con ollos pequenos e glándulas parótides pouco prominentes. Lonxitude total entre 7 e 10 cm., sendo a cola un pouco máis grande que o corpo e a cabeza xuntas. Cola machucada lateralmente.

Cor dorsal parda máis ou menos escura (ás veces case negra), con manchas redondas de cor negra dispostas de forma irregular. Ventre de cor laranxa viva ou vermella.

As patas posteriores nunca teñen as dedas palmeadas nin teñen cristas, o que os diferencia do Lissotriton helveticus.

Esta especie é un endemismo ibérico, que se distribúe pola metade occidental da Península, estendéndose por Asturias, Galiza, Castela e León, Extremadura, Madrid, Castela a Mancha e Andalucía, así como en Portugal. Encóntranse prácticamente en toda Galiza, sendo menos abundante na zona oriental.

É un dos anfibios galegos máis dependentes da auga, aparecendo en fontes, pozas de auga, píos, regatos de corrente lenta e incluso en augas estancadas estacionais. Podese atopar en calquera tipo de hábitat, como eucaliptais, piñeirais, carballeiras, zonas de mato e incluso cultivos.

A femia pon entre 100 e 250 ovos de 2 mm. de diámetro, que son fixados individualmente a plantas acuáticas. Ao nacer, as larvas miden entre 8 e 10 mm. de lonxitude total, e poden chegar, antes de metamorfosearse, aos 25-35 mm.

Os acabados de nacer teñen unha cor amarelenta ao principio, volvéndose aos poucos días de cor parda con moitos puntos escuros. A crista dorsal comeza na zona da noca, e as cristas caudais van paralelas a superior e a inferior, rematando en forma algo brusca e a punta da cola acabada en punta.

Na súa dieta inclúense gran variedade de larvas de insectos acuáticos e terrestres, aínda que ás veces se alimentan de ovos ou larvas doutros urodelos ou das súas propias.

É o urodelo máis abundante e de máis ampla distribución da noxa xeografía, aínda que é moi sensíbel á alteración de calidade das augas. As súas principais ameazas son as contaminación dos hábitats de reprodución e o desecamento de regatos, charcas e fontes, xa sexa para usos agrícolas como urbanísticos.


Lugar de observación: Taboada. Silleda.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.