01 May
01May

É o máis grande dos nosos tritóns, podendo alcanzar os 16 cm. de lonxitude total. É inconfundíbel pola súa coloración dorsal verde xaspeada de negro e a zona ventral gris escura con pintas negras. As femias e as crías teñen unha liña vertebral alaranxada. Durante a época de celo, os machos teñen unhas cristas dorsal e caudal moi prominentes.

A súa distribución mundial limítase ao oeste de Francia e o norte da Península Ibérica, onde está presente na cornixa cantábrica, dende Galiza até Navarra, Castela e León, norte de Madrid, Aragón e Catalunha; tamén ocupa a zona norte de Portugal.

É bastante común en prácticamente toda a xeografía galega, encontrándose dende o nivel do már até os 1.700 metros (Trevinca).

Aínda que habitualmente se lle encontra en augas estancadas con vexetación nas súas marxes, non é raro encontralo en charcas, pozos e incluso en bosques sombríos sen masas de auga. É quizais o máis terrestre dos nosos tritóns.

Cada femia pon entre 150 e 400 ovos, que son postos illados e escondidos en pregues de follas de plantas acuáticas, que son realizados pola femia coas súas patas posteriores. O ovo ten aproximadamente un diámetro de 2 mm.

Os cágados que acaban de nacer miden entre 40 e 70 mm, posúen unhas cristas caudal e dorsal ben desenvolvidas e a cola remata en punta e cun filamento longo e delgado.

En estado adulto aliméntanse especialmente de larvas de insectos, oligoquetos, caracois, lesmas e ovos e cágados doutros anfibios.

Trátase dunha especie bastante abundante en toda a xeografía galega, sen grandes problemas de conservación. Os riscos que padece son os habituais a todos os anfibios: a transformación do medio, desecamento de zonas húmidas, contaminación e introdución de fauna alóctona.


Lugar de observación: Toiriz. Sobreirais do Arnego. Vila de Cruces.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.