25 Oct
25Oct

Salamántiga moi estilizada, duns 12-15 cm. de lonxitude total, dos que 8-10 cm. corresponden á cola. Ollos grandes e saíntes e extremidades reducidas. Cola de sección redondeada. Cor xeral parda escura (case negra), con dúas franxas na zona dorsal de cor dourada que se xuntan nunha soa ao comezar a cola.

Polo tronco ten uns 10-11 sucos laterais transversais, que continúan pola cola pero moito menos evidentes. Entre os urodelos ibéricos, Chioglossa lusitanica é única en presentar un mecanismo de autotomía e rexeneración da cola. Se o animal é agarrado por un depredador, adoita desprenderse en parte ou totalmente da cola. A cola desprendida móvese vigorosamente durante varios minutos, coa función obvia de distraer a atención do depredador e permitir a fuxida da salamántiga.

Falamos dunha especie exclusiva de Galiza, Asturias e norte de Portugal. En Galiza, aínda que está presente nas catro provincias, é máis abundante nas de Coruña e Pontevedra.

Mapa de distribución da especie

Este anfibio vive preferentemente en zonas montañosas onde haxa regos de auga limpa e suficientemente osixenada, e con abundante vexetación nas súas beiras. En lugares húmidos, como bosques caducifolios con zonas sombrías, pode afastarse algo dos cursos de auga.

A femia pon entre 12-17 ovos de cor branca e duns 11 mm. de diámetro, baixo pedras en regatos de pouca corrente ou en minas de auga. Non acostuman encontrarse nos regatos onde viven os adultos.

As larvas, antes de chegaren á metamorfose, adoitan alcanzar os 40-45 mm., aínda que se non o fan o primeiro ano, poden chegar até os 70 mm.

Moi alongadas e sen crista dorsal; a crista nace na raíz da cola e a punta ten forma redondeada. Patas e branquias de tamaño reducido. Viven nas zonas pouco profundas de regatos con bastante corrente.

A especie é predominantemente nocturna, aliméntase por medio da súa lingua protráctil, especialmente de insectos, arácnidos e miriápodos.

Este anfibio só é relativamente abundante nas zonas con mellores condicións en canto a limpeza de augas e bosques de folla caduca mellor conservados. As súas poboacións teñen unha clara tendencia á baixa, e as principais ameazas son a contaminación das augas, a canalización, a extracciónde auga para a rega, a perda de hábitats terrestres próximos aos arroios debido ás plantacións de piñeiros e eucaliptos e a tala de bosques de carballos e castiñeiros. Un risco adicional está constituído polos incendios.

Atópase clasificada coma vulnerable na Lista Vermella da UICN de 2009 dos anfibios europeos. Categoría de conservación en Galiza: Vulnerable  VU A2 c. A inclusión nesta categoría xustifícase por diminucións poboacionais e desaparición de poboacións en Galiza. 


Lugar de observación: Río Arnego. Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.