23 Apr
23Apr

Ra de tamaño medio, normalmente 33-35 mm. os machos e 45-65 mm. as femias, aínda que hay exemplares que chegan até os 90 mm.

De aspecto esvelto pero máis robusto que Rana iberica, e con fociño redondeado. Tímpano moi visíbel e de tamaño aproximado ao do ollo. Pel lisa ou con pequenas rugosidades. Ollos prominentes con pupila horizontal a plena luz.

A cor dorsal é parda avermellada, predominando os tons ocres, amarelos ou alaranxados, xeralmente con algunhas manchas escuras. Ás veces teñen unha marca en forma de V co vértice dirixido cara a diante. A coloración ventral acostuma ser branca ou amarela, sen manchas ou cun reticulado avermellado en peito e gorxa, sen formar unha liña clara no centro da mesma.

É moi similar á Ra patilonga (Rana iberica), pero esta ten o tímpano moi pouco marcado e pequeno, os pregues dorsolaterais máis separados e a gorxa punteada de escuro cunha liña central máis clara, as patas posteriores son significativamente máis longas e as membranas interdixitais máis extensas.

Na Península Ibérica distribúese por toda a franxa norte, de Galiza até Cataluña, por ser a zona menos calorosa, posto que non tolera temperaturas elevadas. En Galiza ocupa a metade norte; máis ao sur limítase ás serras.

De costumes máis terrestres que Rana ibérica, só se achega á auga para criar. Habitual en bosques de caducifolias e en prados, pode aparecer preto de charcas, lagoas e regatos de augas remansadas e boa cobertura vexetal.

Pon de 900 a 4.000 ovos, dispostos en masas globosas que inchan en contacto coa auga e quedan flotando. Cada ovo ten uns 2-3 mm. de diámetro, recuberto por unha capa xelatinosa de 10 mm.; cor negra cunha mancha branca.

As larvas ao eclosionar son pardo escuras, case negras e de entre 6 e 8 mm. de lonxitude total, chegando até os 48 mm. Acabados de metamorfosear miden entre 8 e 17 mm. de lonxitude cabeza+corpo e son menos escuros que os adultos. Son menos robustos e máis pequenos que as de Rana iberica; a crista dorso caudal máis baixa e a cola algo maior. Espiráculo situado no costado esquerdo.

Aliméntase capturando pequenos insectos, arañas, gasterópodos e miñocas.

Aínda que a distribución galega é algo reducida, as súas poboacións non corren grave perigo, en parte grazas a que aquí non acostumamos a consumir as súas ancas, como ocorre noutros lugares da Península.

Por ter hábitos máis ben terrestres, está pouco afectada pola contaminación e desecamento de masas de auga, ao vivir en ambientes pouco humanizados. A súa principal ameaza son os incendios forestais.


Lugar de observación: 

  • Brañas de Xestoso. Silleda.
  • Río Deza. A Trigueira. Lalín.


Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.