Bufo bufo


17 Feb
17Feb

É o noso anuro de maior tamaño, posto que pode chegar aos 210mm, aínda que acostuman medir entre 60 e 80mm os machos e entre 70 e 120 as femias. Ten o corpo gordecho e coa pel moi rugosa, tanto polo dorso como polos costados. Ten grandes glándulas parótides con forma de ril e con disposición oblicua entre elas. A cor do dorso e variábel, normalmente parda manchada de gris, e máis raramente vermella, verdosa ou amarela. Os ollos son prominentes coa pupila horizontal e o iris dunha espectacular cor dourada, vermella ou alaranxada. 

Está presente en toda Galiza, chegando mesmo aos 1900 metros de altitude en Pena Trevinca. Citouse incluso na illa de Ons como unha introdución recente. Respecto ao seu hábitat, prefire os prados e hortas, non sendo raro en fragas. Ten predilección polos solos con boa cobertura vexetal, pero tamén pode colonizar solos degradados pola erosión refuxiándose debaixo de pedras e rexeitando os terreos moi rochosos. 

A femia deposita entre 2000 e 10000 ovos en longos cordóns xelatinosos de 2 a 4 filas de ovos que inchan en contacto coa auga. Estes cordóns poden chegar a medir varios metros de lonxitude e quedan enredados na vexetación. O sapo aliméntase fundamentalmente de insectos (formigas, lepidópteros, coleópteros), arácnidos, miñocas e gasterópodos. Os exemplares máis grandes poden chegar a capturar lagartas e crías de ratos.

Aínda que segue sendo unha especie habitual en Galiza, ten una lenta pero constante regresión debido principalmente á contaminación e degradación dos seus hábitats reproductores, construcción de encoros e introdución de especies alóctonas. Trátase dun anfibio moi afectado polo uso excesivo de insecticidas na agricultura, ademáis de ser o que máis abundantemente resulta atropelado nas estradas.


Lugar de observación: Ribeira do río Arnego. Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.


Vídeos en Youtube de Bufo bufo:

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado na web.