18 May
18May

Sapo de tamaño medio; os machos entre 40 e 60 mm. e as femias entre 50 e 70 mm., podendo chegar até os 90 mm. Aspecto xeral bastante robusto e coa pel moi rugosa. Ten grandes glándulas parótides paralelas entre si. Cor dorsal algo máis clara que o Sapo común, e cunha liña vertebral moi evidente de cor amarela. A zona ventral é branca sucia ou cinsenta. Ollos sobresaintes, coa pupila horizontal e o iris de cor verde clara ou amarela.

Está presente en toda Galiza, podendo alcanzar os 1.900 metros de altitude en Pena Trevinca. Porén, debido ao biótopo do que depende, está menos uniformemente repartido que o Bufo spinosus, faltando nalgunhas zonas.

Debido aos seus costumes escavadoras, prefire vivir en terreos areentos ou brandos e soltos. Frecuente en marismas e dunas, aínda que fora do período reprodutor pode aparecer en zonas bastante distantes da auga, incluso en zonas áridas.

O tamaño da posta oscila entre os 3.000 e os 10.000 ovos, en cordóns xelatinosos, como Bufo spinosus, pero os ovos están colocados en dúas fileiras como máximo. Os ovos miden entre 1 e 1,5 mm. de diámetro. Estes cordóns quedan fixados á vexetación acuática. As larvas con moi pequenas, medindo entre 7 e 13 mm., e de cor negra con unha pequena mancha clara na gorxa. A liña dorsal clara xa é visíbel desde que as larvas teñen patas. O espiráculo é lateral.

A súa alimentación consiste especialmente en formigas, coleópteros, dípteros, arañas, miñocas e outros invertebrados (ocasionalmente poden capturar pequenos escorpións).

É un dos anfibios galegos menos ameazados, grazas á súa ampla distribución (aínda que as súas poboacións son discontinuas) e a que pode reproducirse en charcas temporais, que están menos afectadas pola contaminación e pola introdución de especies exóticas. Entre as ameazas máis evidentes, pódense citar a alteración do seu hábitat de reprodución e atropelo de adultos nas estradas.


Lugar de observación: Monte do Carrio. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.