17 Feb
17Feb

Ra de pequeno tamaño, entre 30 e 40 cm., pero excepcionalmente pode chegar aos 70 cm. Aspecto xeral bastante esvelto e fociño bastante aguzado. O tímpano acostuma ser pouco visíbel e o diámetro bastante menos que o do ollo. Carece de glándulas parótides. Patas posteriores moi longas.

Pel xeralmente lisa ou con pequenas verrugas polo dorso, ás veces estas de cor clara. Ollos grandes e prominentes con pupilas horizontais.

A cor dorsal varía desde a ocre á parda ou avermellada, con pintas ou manchas máis escuras ou claras. Partes inferiores brancas con tons rosados debaixo das coxas, e gorxa pigmentada de escuro cunha liña central clara. No dorso ás veces aparece unha mancha escura en forma de V co vértice cara a diante. É típico, e común a todas as ras pardas, un anteface a ambos lados da cabeza.

É endémica da Península Ibérica, limitándose a Galiza, de forma descontinua á cornixa cantábrica, algunhas zonas de Castela e León, Madrid, norte de Portugal e pequenas poboaciones illadas na provincia de Cáceres. Abundante en toda Galiza, algo menos na meseta ourensá. Visíbel dende o nivel do mar até os 1.800 metros. A maior altitude é substituída pola Rana temporaria.

(Distribución da especie)

Sempre está ligada a cursos de auga limpa, como regos de augas frías e rápidas con vexetación nas beiras. Tamén aparece en canles de rego dos prados e nas charcas que se forman ás beiras dos ríos á sombra da vexetación. 

As postas teñen un número moi reducido de ovos (entre 192 e 445), que a femia deposita en masas globosas duns 6 cm. de diámetro, entre pedras ou no leito lamacento de augas remansadas ou de corrente nula. Cada ovo ten entre 1,8 e 3 mm., e son de cor escura.

As larvas teñen unha lonxitude total de entre 30 e 50 mm, co espiráculo no lado esquerdo. Cor dorsal parda olivácea e zona ventral moi escura, case negra, con lunares brancos que transparentan os intestinos. A lava é máis robusta que a de Rana temporaria e ten a cola máis alta e curta.

Como outras ras, aliméntanse de artrópodos, así como de gasterópodos. Aínda que en Galiza é unha especie relativamente abundante, no resto da súa zona de distribución é bastante máis escasa, polo que cómpre a súa protección na nosa xeografía. 

Resulta afectada principalmente pola contaminación e a alteración do seu hábitat, así como pola introdución de especies exóticas.


Lugar de observación: Río Deza. A Trigueira. Zobra. Lalín.


Vídeos en Youtube de Ra ibérica:

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.