18 Oct
18Oct

Ra de cor case sempre arroibada, manchas negras pouco abundantes e palmeadura interdixital moi reducida. Cabeza máis ancha que longa, cun fociño arredondado. Ollos prominentes con pupila ovoide horizontal. Tímpano ben marcado e grande. Lingua moi móbil e fendida. Os adultos poden conseguir entre 33 e 65 mm de lonxitude e os 4-30 g de peso, sendo as femias sempre maiores. 

A cor dorsal é ocre, amarela, laranxa, vermella ou parda. O ventre de cor crema ás veces con manchas rosáceas. A nivel das patas dianteiras adoita ter unha marca ao xeito de V invertido. Presenta uns pregamentos dorsolaterais moi evidentes, non paralelos, senón que se aproximan un pouco a nivel das patas anteriores e máis abaixo volven afastarse, que van desde a parte posterior dos ollos ata o comezo das patas posteriores.

Despois do característico amplexus axilar na auga, a femia deposita uns 900-4000 ovos en varias masas xelatinosas semimergulladas. As posturas son depositadas en charcas de chuvias invernais en pradarías, brañas ou charcos producidos polo desbordamento dos ríos. 

Come calquera clase de invertebrados, como arácnidos, coleópteros, dípteros, himenópteros e larvas de lepidópteros. De hábitos moi terrestres, só se achega á auga para criar. Adoita encontrarse en pradarías e zonas de matogueira ou en bosques (en verán), camuflándose moi ben coa follaxe do chan.

Gústanlle moito as brañas e turbeiras cubertas de Sphagnum. Tamén é posible vela nas marxes de ríos con abundante vexetación nas ribeiras, sempre en zonas de sombra.

Máis abundante no centro e norte das provincias de Lugo e A Coruña. Nas zonas do sur está restrinxida ás serras, chegando ata os 1900 m en Pena Trevinca.

Non presentan aínda serios problemas de subsistencia, aínda que é certo que sofren máis que ningún outro tipo de ras os efectos devastadores dos incendios, por desgraza tan abundantes na nosa xeografía. 


Lugar de observación: Monte do Carrio (Lalín)

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.