17 Jun
17Jun

Ra grande, normalmente até os 75 mm., aínda que excepcionalmente pode chegar até os 100 mm.

Cabeza practicamente coma mesma lonxitude e anchura, con fociño redondeado ou levemente aguzado. Ollos moi grandes e xuntos coa pupila horizontal con boa luz. Tímpano ben patente e un pouco máis pequeno que o ollo.

Sen glándulas parótides, presenta dous pregues glandulares dorsolaterais, que van desde o ollo até a parte posterior do corpo. Pel lisa ou lixeiramente verrugosa.

A coloración dorsal acostuma ser verde máis ou menos clara, cunhas manchas verde máis escura ou negras na cabeza, corpo e patas. Xeralmente teñen unha liña vertebral de cor verde máis clara ou amarela. Zonas inferiores brancas ou cinsentas, con ou sen manchas.

Presente e moi común tanto na Península Ibérica coma en Galiza, onde é máis común nas zonas cálidas. Pode encontrarse tanto a nivel do mar como en cumes de montañas. É unha ra moi ligada aos medios acuáticos, podéndose encontrar tanto en pequenas charcas, estanques e pozas como en ríos (grandes e pequenos), lagoas e marismas, sempre e cando sexan estancas ou de corrente lenta. Poden chegar a vivir en augas moi contaminadas.

Cada femia pon entre 800 e 10.000 ovos, seguno o tamaño da femia, que son depositados en masas globosas entre a vexetación, no fondo ou na superficie. O diámetro de cada ovo oscila entre 1 e 2 mm., pero están recubertos dunha cápsula xelatinosa de 7-8 mm.; cor parda cunha mancha amarela.

No momento da eclosión, a larva mide 5-6 mm. de lonxitude total, pero poden chegar até os 60-70 mm. (mesmo até os 90) de lonxitude total cabeza+cola. Acabados de metamorfosear miden entre 18 e 24,5 mm. O espiráculo sitúase no lado esquerdo e teñen unha cor dorsal parda ou verdosa, con ou sen manchas, e a zona ventral branca anacarada.

É unha ra moi voraz, aliméntase fundamentalmente de artrópodos, moluscos e miñocas, aínda que se coñecen capturas de pequenos vertebrados, como peixes, roedores e outras ras.

É a especie de anfibio máis abundante e máis amplamente repartida da fauna galega, onde non só non diminuen senón que aumentan os seus efectivos, debido principalmente á proliferación de miniencoros para aproveitamento eléctrico e abastecemento de augas.

Noutras zonas de España están diminuindo de forma alarmante as súas poboacións, debido fundamentalmente ao uso de produtos fitosanitarios.


Lugar de observación: Río Arnego. Santandré. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.