19 Aug
19Aug

Sapos máis parecidos morfoloxicamente a unha ra que aun sapo, con moi poucas verrugas na súa pel, e sen glándulas parótides.

Anuro de tamaño mediano, duns 65 mm. de lonxitude cabeza+corpo, aínda que pode chegar aos 75 mm. Patas longas pero non tanto como as das ras. Fociño aguzado e tímpano apenas perceptíbel. Ollos saltóns con pupilas redondas ou triangulares.

A cor dorsal pode ser mio variábel, predominando os tons pardos ou oliváceos (raramente amarelos), con manchas irregulares ou bandas en cor máis escura. A zona ventral é de cor branca amarelenta.

Especie endémica da Península Ibérica, distribúese por Portugal e pola metade occidental peninsular. Especie bastante abundante por toda Galiza, aínda que prefire vivir en cotas baixas (non superando os 1.000 metros). É algo maís escasa nas zonas secas (leste de Ourense). Ten poboacións nas Illas Cíes, Sálvora, Ons, Cortegada e Arousa.

Este sapo está moi unido á auga, non sendo moi esixente coa estensión ou a súa calidade, podendo encontrarse en arroios, pozas, charcas, cunetas... Pode chegar a vivir en zonas urbanas e mesmo algo contaminadas.

Cada posta consta de 20 a 50 ovos, aínda que en cópulas sucesivas unha soa femia pode chegar a poñer preto de 1.500 ovos nun día. Estes son de cor escura e duns 6 mm., que caen ao fondo e quedan adheridos á vexetación acuática. Ao eclosionar, as larvas miden uns 3 mm., e alcanzan os 35-40 mm. antes de perder a cola. O espiráculo está situado no punto central do ventre. A cola, bastante longa, ten o extremo redondeado. O corpo, e sobre todo a cola, ten un deseño reticulado escuro moi característico; o ventre é máis claro.

Aliméntase principalmente de insectos, oligoquetos, gasterópodos e arácnidos, e mesmo chega a practicar o canibalismo con larvas da súa propia especie.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.