Sapo de pequeno tamaño e corpo gordecho, duns 50 mm., dos que 1/3 corresponde á cabeza. Fociño redondeado, ollos grandes e prominentes coa pupila vertical ou lixeiramente romboidal. Tímpano bastante marcado e de tamaño algo inferior ao ollo. Glándulas parótides pouco evidentes.
A cor dorsal é moi variábel, podendo ser amarelenta, parda ou olivácea. A zona ventral é branca ou gris clara.
A pel é menos verrugosa que noutros sapos, case lisa, aínda que teñen dúas liñas de verrugas dende o ollo até as patas posteriores, de cor vermella ou laranxa. Ás veces teñen unha mancha clara nos ombros den forma de V co vértice cara a cabeza.
Está presente e é bastante abundante en toda Galiza, alcanzando altitudes bastante grandes nas serras (até 1.600 metros).
Pódese atopar prácticamente en calquera lugar (bosques, prados, xardíns, canteiras), aínda que prefire terreos rochosos ou areentos, onde pode chegar a escavar e construír galerías.
Cada fémia pon entre 20 e 60 ovos, en unha ou varias postas, que os machos recollen entre as súas patas traseiras e os levan consigo até a eclosión. Se é necesario, o macho achégase a pozas ou regatos para mollar eses ovos. Un macho pode cargar coa posta de varias femias (até 150 ovos). Os ovos son de cor amarelenta, e de 3 a 4,5 cm. de diámetro.
Ao nacer miden entre 11 e 17 mm. e son de cor parda cinsenta con manchas de tons castaños ou avermellados. Os recentemente metamorfoseados miden entre 18 e 24,5 mm. de lonxitude total, aínda que hai exemplares que pasan varios invernos sen metamorfosear e alcanzan os 60-70 mm. O espiráculo sitúase na liña media do ventre.
Aliméntanse especialmente de insectos, arácnidos e gasterópodos.
Aínda que se trata dunha especie relativamente abundante en toda Galiza, nótase un certo declive nas súas poboacións. Entre as causas, aparte das habituais doutras especies (desecamento de masas de auga, contaminación, introdución de especies exóticas...) están as enfermidades emerxentes que están a estragar as poboacións deste anuros.
Lugar de observación: Alemparte. Lalín.