Unha "Avenoiteira cincenta" que non podía voar


Alo por setembro do 2016, o amigo Daniel González Alén informounos do achádego dunha ave que non podía voar no lugar de Segade (O Irixo). Logo de buscarlle bo acubillo perto da pista onde a atopou, para que non fose molestada e se puidese sentir protexida, informounos con detalle da súa localización e desprazámonos ata aló coa intención de capturala.

Ao chegar, puidemos localizala no lugar indicado e comprobamos que se trataba dun exemplar de “Avenoiteira cincenta” (Caprimulgus auropaeus), unha fermosa ave de hábitos principalmente crepusculares e nocturnos, que parecía ter unha á rota.

Esta ave é case común en Galiza e vese de comezos de marzo a mediados de outubro. Habita en piñeirais con áreas abertas ou cultivos intercalados e aliméntase de avelaíñas, coleópteros ou calquera insecto alado. Por desgraza, soe ser vítima de atropelos, dado que pousan con frecuencia en estradas e pistas. Nesta ocasión, é posible que un golpe con algún vehículo fose a causa da súa imposibilidade para voar.

Ante a dificultade de contactar co centro de recuperación de fauna debido a que era domingo e xa bastante tarde, trasladámola nunha caixa adecuada e con ventilación, ao cuartel da Garda Civil de Lalín para que eles mesmos a entregasen aos seus compañeiros do SEPRONA.

Calquera pode atoparse nunha situación semellante, e sobre todo moitos dos que habitualmente camiñamos polos nosos montes, por iso recordamos o procedemento a seguir cando nos atopemos cun animal salvaxe ferido ou en apuros: Protocolo de actuación

Agradecer novamente ao amigo Daniel polo aviso e tamén polas fotografías desta fermosa ave.