O amigo Pablo Taboada Souto, cedeunos estas fotografías dun fermoso exemplar melánico de Víbora de seoane (Vipera seoanei) que realizou en Bendoiro (Lalín). A sigularidade deste exemplar, lévanos a publicar este pequeno artigo sobre as diferentes coloracións e deseños que esta especie pode presentar.
Foto: Pablo Taboada Souto (Bendoiro, Xuño 2020)
Como xa describimos no noso catálogo de réptiles, a Víbora de seoane é unha especie case exclusiva do norte da Península Ibérica, ocupando Galiza, norte de Portugal, toda a Cornixa Cantábrica até Navarra e o norte de Castela-León, aínda que tamén se atopa en pequenas áreas localizadas no extremo sudoeste de Francia.
No noso país é unha especie relativamente abundante, excepto nos vales máis secos de Ourense. Aparece en ambientes diversos, como lindes de bosques caducifolios, prados, brañas, matogueiras, sendo abundante en zonas moi húmidas, podendo verse mesmo na auga.
Como dixemos anteriormente, a Seoane pode presentar diversas coloracións e patróns. Os diferentes deseños nos seus debuxos, podería levar a pensar que estamos ante diferentes especies de víboras, cando en realidade se trata da mesma e a única que podemos atopar (que se teña constancia) na nosa comarca.
Na seguinte imaxe podemos ver a súa variabilidade:
De esquerda a dereita: Patrón clásico, patrón bilineata, patrón uniforme, patrón melánico e patrón cantabrica.
Exemplar de Seoane co patrón "Cantábrica" tomada na Serra do Faro (Rodeiro)
Exemplar de Seoane co patrón "Clásico" fotografada por Paco López na Serra do Candán (Lalín)
O fermoso exemplar das fotografías tomadas por Pablo, corresponden a un exemplar melánico, que soen atoparse de xeito máis frecuente en zonas de montaña.
Agradecer a Pablo o envío das fotografías deste interesante exemplar.