A pasada semana, David Ramos enviábanos un par de fotografías que confirmaban a presenza de dous exemplares de "Garza boieira" ou "Garza mediana" (Bubulcus ibis) no Concello de Silleda, alimentándose na compaña das "Pegas rabilongas" nun prado próximo ao casco urbano.
A pesares da longa distancia dende o punto de observación e da conseguinte dificultade, David conseguiu unha toma que identifica a especie, corroborada ademáis pola súa observación en detalle con telescopio.
Garza boieira (Bubulcus ibis) con plumaxe invernal avisada por David en Silleda
Estas fermosas aves, de 45-53 cm. de lonxitude e cunha envergadura de 82-95 cm. son totalmente brancas en plumaxe invernal (tanto o macho como a femia), agás o curuto que é lixeiramente máis escuro. As súas patas son escuras e o seu peteiro curto e amarelo.
En plumaxe estival teñen unha tonalidade alaranxada no curuto, no peito e no dorso, as patas amarelas agrisadas e o peteiro amarelo, tornándose alaranxado durante a época do cortexo.
Garza boieira (Bubulcus ibis) con plumaxe estival.
Podemos diferenciala doutras especies similares como da "Garzota común" (Egretta garzetta) xa que esta última ten o peteiro negro e os pes amarelos, ou da "Garza branca" (Egretta alba) que é de maior tamaño, entre outras características. O peteiro destas últimas tamén é máis longo que o da Garza boieira.
Garzota común (Egretta garzetta), de pico negro, patas negras e con crista.
Garza branca (Egretta alba) de maior tamaño que as anteriores e sen crista.
A especie distribúese polo Sur de Europa, Asia, África e litoral de Venezuela e está presente todo o ano no centro, sur e leste da Península Ibérica. En Galiza é invernante escasa de outubro a maio, aínda que ocasionalmente chegan grandes grupos.
Habita en zonas húmidas, pero é máis campestre que outras garzas. Aliméntase principalmente de insectos que apaña no chan, de miñocas, ras, réptiles, etc.
O seu nome popular "boieira" ("bueyera" en castelán) procede do seu costume de acompañar nos prados ao gando (bois ou vacas), para alimentarse dos insectos que espantan.
Non é nada común ver esta especie na nosa comarca (que teñamos constancia), polo que pensamos que estes exemplares se viron obrigados a desviarse da súa ruta por mor do temporal destes últimos días e a facer unha pequena parada para descansar e alimentarse na zona.
Agradecer a David o seu interese pola ornitoloxía que sempre nos agasalla con magnífica información sobre as aves do seu concello.