Paco López envíanos esta fotografía dun fermoso exemplar de "Salamántiga galega" (Chioglossa lusitanica), tamén coñecida por Salamántiga rabilonga ou Saramaganta, que puido fotografar na Serra do Candán fai tempo.
Estamos a falar dunha das xoias, non só da herpetofauna, senón de todo o patrimonio natural galego. Especie rara e singular, é xenuína representante da natureza ancestral galega: bosques densos e húmidos con regatos cheos de liques.
Aproveitando a ocasión imos a falar un pouco deste anfibio endémico de Galiza, Asturias e norte de Portugal.
Trátase dunha salamántiga moi estilizada, duns 12-15 cm. de lonxitude total, dos que 8-10 cm. corresponden á cola. Ten uns grandes ollos saíntes e as súas extremidades son curtas. A cola é de sección redondeada.
A súa cor xeral é parda escura (case negra), con dúas franxas na zona dorsal de cor dourada que se xuntan nunha soa ao comenzar a cola. Polo tronco ten uns 10-11 sucos laterais transversais, que continúan pola cola pero moito menos evidentes.
Fotografía realizada por Paco López na Serra do Candán
Trátase do único anfibio galego con cola "automizábel", e dicir, se perde a cola, vólvelle medrar.
Como dixemos distribúese exclusivamente por Galiza, Asturias e norte de Portugal. No noso país, aínda que está presente nas catro provincias, é máis abundante nas da Coruña e Pontevedra.
Distribución de Chioglossa lusitanica na Península Ibérica
Vive preferentemente en zonas montañosas e de relevo accidentado, onde haxa regos de auga limpa e suficientemente osixenada, e con abundante vexetación nas súas beiras. En lugares húmidos, como bosques caducifolios con zonas sombrías, pode afastarse algo dos cursos de auga.
A femia pon entre 12 e 17 ovos de cor branca e duns 11 mm. de diámetro, baixo pedras en regatos de pouca corrente ou en minas de auga e covas, onde soen penetrar.
É unha especie predominantemente nocturna e aliméntase por medio da súa lingua "protráctil" (que pode proxectarse moito cara a fóra da boca), especialmente de insectos, arácnidos e miriápodos.
Este anfibio só é relativamente abundante nas zonas con mellores condicións en canto a limpeza de augas e bosques de folla caduca mellor conservados.
As súas poboacións teñen unha clara tendencia á baixa, e as principais ameazas son a contaminación das augas e a tala de bosques de carballos e castiñeiros.
Esta especie está protexida e atópase catalogada como "vulnerábel" na Lista vermella da IUCN (International Union for Conservation of Nature ).
Acuarela orixinal feita polo zoólogo portugues José Vicente Barbosa du Bocage que describiu a especie por primera vez no ano 1864.