Un lagarto arnal entre colmeas

O amigo Toni Soto enviounos o seguinte vídeo gravado días atrás, dun fermoso exemplar de “Lagarto arnal” (Timon lepidus) que vive preto das súas colmeas:

Durante os nosos traballos de campo na Serra do Candán, tamén nos temos atopado en múltiples ocasións con exemplares destes saurios nos muros das alvarizas ou roldando entre as colmeas (aínda que non se trata dun comportamento único do Arnal, senón tamén doutros réptiles).

Aproveitando o vídeo que nos envía Toni, imos a falar un chisco sobre o "Timon lepidus" e a súa relación coas abellas.

O "Lagarto arnal" é o saurio máis grande de Europa, podendo alcanzar os 26 cm. de lonxitude (cabeza+corpo), máis outros 50 cm. de cola, aínda que os exemplares galegos non soen superar os 19 cm. (cabeza+corpo) e 35 cm. de cola. 

Son lagartos moi robustos e fortes, de coloración xeral verde, coa gorxa e parte inferior amarelada e xaspeados de pardo ou negro con ocelos de cor azul orlados de negro. 

(Fermoso exemplar fotografado na aldea de Zobra)

En Galiza é unha especie común, con excepción das zonas máis frías do interior, xa que falamos dun lagarto de carácter termófilo. Por iso para vivir, prefiren zonas abrigadas e solleiras, con vexetación non excesivamente abundante e con rochas ou pedras baixo as que buscar refuxio. 

Realiza unha soa posta anual entre xuño e xullo, onde a femia pon entre 5 e 22 ovos. 

Respecto á súa alimentación, falamos dunha especie omnívora, con preferencia polos coleópteros (escarabellos), caracois terrestres, himenópteros (abellas, avespas...), pero tamén de pequenos lagartos, anfibios, pequenos ratos e ovos de paxaros, complementando a súa dieta con froitos (como as amoras), en determinadas épocas do ano. 


¿É frecuente atopar estes lagartos preto das colmeas? 

Non é nada estraño que os Arnais frecuenten os arredores das colmeas por evidentes motivos. En primeiro lugar pola ubicación habitual das mesmas.

As colmeas soen ubicarse en lugares protexidos das inclemencias do tempo e en zonas solleiras con pouca humidade, precisamente o hábitat que procura o noso lagarto. 

En segundo lugar, porque a proximidade ás colmeas proporciónalles unha dose case segura de alimento de xeito regular.

Como indicamos anteriormente, os heminópteros entran dentro da súa dieta habitual, e adoitan nutrirse das abellas mortas ou exhaustas que atopan no chan, sendo unha sinxela fonte de alimento que non están dispostos a desperdiciar. 

Pero o Arnal, tamén pode cazar abellas cando se lle poñen a tiro. Neste magnifico vídeo, filmado por Xavier Martínez Perona, podemos ver precisamente un exemplar de Arnal cazando abellas e abellóns que se aproximan a zugar das flores máis próximas ao chan:

Queremos aclarar que a súa presenza preto das colmeas, non representa en absoluto un perigo potencial para as mesmas, xa que a cantidade de exemplares que pode capturar é moi baixo e sempre se vai decantar polas abellas máis febles, facendo en todo caso, unha tarefa de selección e tamén de limpeza do entorno.

De tódolos xeitos, o lagarto sabe ben con quen xoga cando nos referimos a unha colmea de abellas, xa que se ousa achegarse á entrada ou incluso penetrar nela, os aguilloazos das nosas pequenas farano recuar quitándolle as ganas de volver a intentalo.

(Parella de lagartos arnais na Serra do Candán)

Aínda así, puidemos atopar información de casos no que algún destes saurios tivo a fatal idea de penetrar no interior dunha delas, como recolle a páxina www.mieladictos.com creada por Alberto, que nos permitiu compartir a seguinte imaxe, na que se mostra a un exemplar de Arnal morto e "propolizado" dentro da colmea.

Como explica Alberto, as abellas utilizan o seu veleno para repeler ao invasor, podendo chegar incluso a matalo. Pero se este morre no interior da colmea, pode provocar un grave problema infeccioso cando comece a descompoñerse. Por iso, as abellas proceden a recubrilo con "propóleos", sendo a mellor forma de conter a putrefacción prematura do cadáver.

(Cadáver de lagarto recuberto con propóleos no interior dunha colmea. Foto cedida por Alberto)

O propóleo é unha mestura resinosa obtida polas abellas das xemas e brotes das árbores, exudados de savia ou outras fontes vexetais, que logo procesan e utilizan para selar pequenos ocos e fisuras. En ocasións tamén mesturado con cera, úsano para "vernizar" todo o interior da colmea. A cor do propóleo depende da fonte da que o obteñan, sendo o máis común marrón escuro. A temperatura ambiente (20 graos), o propóleo é pegañento e a temperaturas menores solidifícase.

Para resumir, queremos deixar claro de novo que a presenza de lagartos ou outras especies de réptiles no entorno das colmeas é algo totalmente normal e non representan unha ameaza para as mesmas. Como podemos comprobar, as abellas tamén teñen os seus recursos e métodos de defensa, perfectamente adaptados para facer fronte a este tipo de ameaza natural. 

Unha rica e diversa biodiversidade no entorno das zonas apícolas é un indicador da boa saude das mesmas e por suposto do bo facer e do respecto polo medio dos apicultores que cada día coidan e miman ás súas pequenas.

Moitas grazas a Toni Soto por enviarnos o seu vídeo, a Alberto de Mieladictos (páxina que vos recomendamos encarecidamente) e a Xavier Martínez, autor do vídeo do lagarto cazador que compartimos neste pequeno artigo.