Na mañá do sábado recibiamos un aviso do amigo Estanislao Calviño, no que nos informaba sobre o achádego dunha Curuxa común (Tyto alba), nun prado crecano ao lugar de Toimil, parroquia de Galegos (Lalín).
Este fermoso exemplar que non podía voar, posiblemente a causa da rotura dunha das súas ás, foi atopada polos seus sogros, que non dubidaron en avisalo para ver como proceder. Tras contactar con nós, informámoslle do protocolo de actuación do que xa temos falado noutras ocasións e que podedes consultar eiquí: "Protocolo de actuación", e que remata co aviso ao Centro de Recuperación de Fauna de Carballedo en Pontevedra.
Ao redor das 18:00 un axente ambiental procedeu á recollida desta fermosísima Curuxa que Estanislao e a súa dona Raquel, acolleron e coidaron na súa casa durante boa parte do día. O axente informoulles de que en caso de que se recupere, procederán á súa solta no mesmo lugar do achádego e que os avisarán para que estean presentes na solta. Desexamos que se consiga recuperar axiña e que eles poidan desfrutar do que sería unha fantástica experiencia. Presenciar a devolución dun animal salvaxe ao seu hábitat, logo de salvarlle a vida, é un momento cheo de emoción que non se esquece.
Dende Biodiversidade do Deza, o noso agradecemento e parabéns a ambos, e á familia Figueiras Crespo pola súa actuación e pola súa sensibilidade para con esta Curuxa.
A "Curuxa común" é un ave común e sedentaria en Galiza. Habita en zonas agrarias con zonas de bosque disperso e aniña en ocos de edificios, en ruinas..., e máis raramente en ocos naturais. Trátase dunha ave nocturna e crepuscular que pon dende abril a xullo entre 4 e 7 ovos que choca a fémia durante 33 días. Repite cría ano tras ano no mesmo lugar se non é molestada.
Esta ave aliméntase de micromamíferos e en ocasións tamén de insectos, anfibios, morcegos e outras aves.