O ataque da "Formica rufa"


O amigo Paco López, gran coñecedor da Serra do Candán e creador das páxinas Montes de Galicia e Sendeiros do Candán, enviounos este vídeo dun exemplar xuvenil de Cobra viperina (Natrix maura) que se veu sorprendida polo ataque dunha formiga vermella (Formica rufa).

A pequena cobra achegouse demasiado a un formigueiro e iso é algo que as feroces Rufa non soen consentir. A formiga morde coas súas potentes mandíbulas á cobra preto do pescozo e esta tenta desfacerse dela con movementos bruscos sen conseguilo.

Posteriormente a cobra fuxe ante o perigo de que máis obreiras acudan en axuda da súa ousada compañeira.

As cúpulas dos niños destas formigas chegan a medir 1 metro de alto (ás veces mesmo máis), atópanse preferentemente en lugares protexidos do vento e expostos ao sol. Están formados sobre todo por pequenos anacos de ramas, e conteñen numerosas cámaras no interior. Con todo, a cúpula é só a parte superficial do niño; este prolóngase baixo terra nun niño de aproximadamente o mesmo tamaño. 

Se sofren perturbacións no niño, reúnense numerosas obreiras ante as entradas e dobran o abdome cara arriba entre as patas, á vez que  pulverizan acedo fórmico para facer fuxir ao atacante. As obreiras son capaces de dominar a todo tipo de animais pequenos. Se a presa é moi grande, transpórtana en grupos de varias ao niño.

A inexperta cobra, de seguro aprenderá unha valiosa lección logo deste percance e procurará non achegarse de novo ao territorio das Rufa.

Moitas grazas Paco, por estas fantásticas imaxes.