Natrix maura, a experta pescadora


O amigo Javier Hita enviábanos este vídeo gravado polo seu irmán durante un paseo o pasado verán pola Serra do Candán. No Rego de Grobas, atopouse con esta magnífica escena dunha cobra a piques de devorar unha troita común (Salmo trutta), que non dubidou en inmortalizar co seu teléfono móbil. 

Aínda que no vídeo non se aprecian con demasiado detalle as características do exemplar, case podemos asegurar que se trata dunha cobra do xénero Natrix, moi dependentes dos medios acuáticos e expertas "pescadoras".

Nas imaxes non se distingue o característico "colar" claro que teñen as "Cobras de colar" (Natrix natrix) ao redor do pescozo, polo que nos decantamos na identificación pola "Cobra viperina" (Natrix maura), cuxa alimentación se basea principalmente en presas acuáticas, tales como anfibios, invertebrados acuáticos e peixes. Pola contra, a Cobra de colar, adoita cazar en terra. 

Agradecer ao amigo Javi e ao seu irmán o aporte destas fantásticas imaxes.