As Megachile, as abellas cortadoras de follas


A amiga de Biodiversidade do Deza, Së Senande, enviounos estas fantásticas fotografías tomadas fai un par de anos na horta da súa casa, onde se poden ver uns cilindros fabricados con follas de roseira e unhas abellas que atopou xunto a eles.

¿Serían estas abellas as responsables da construción destes cilindros de folla perfectamente rematados e selados?.

Pois sí. As responsables desta magnífica obra son as abellas do xénero Megachile que se mostran nas fotografías. 

Varias especies de abellas da familia Megachilidae, coñecidas como "abellas cortadoras de follas", fabrican os seus niños con trociños de folla que elas mesmas cortan con precisión e que transportan ata unha longa galería previamente construída, xa sexa nun tonco de madeira ou en terra (dependendo da especie). 

Cos patróns de folla cortada comezan a revestir as paredes da galería. Os trociños cortados en forma oval, serán os destinados ás paredes, e os trociños cortados en forma circular farán a función de tapas. 

Unha vez ben recubertas as paredes, introducen pole e néctar, depositan un ovo, colocan unha tapa e repiten a operación, creando así os cilindros ou niños que se poden ver con detalle nas fotografías.

Rematado o traballo, proceden ao selado final da galería con labras ou anacos redondos de folla.

Incluimos este debuxo do famoso entomólogo Harold Maxwell-Lefroy, no que se mostra o que acabamos de describir:

Agradecer a Së o aporte destas fermosas imaxes, que nos permitiron amosarvos o traballo destas abelliñas, responsables dunhas das máis complexas construcións coñecidas entre os insectos.