O amigo Alexandre Fondevila enviábanos estas fotografías dunha gran eiruga que atopou nunha das súas leiras en Bermés, cando apañaba nas patacas, e preguntábanos de que especie se trataba.
Esta eiruga de rechamante cor amarelo, pertence á polilla "Acherontia atropos", coñecida como a "Esfinxe da Caveira" ou a "Esfinxe da Morte". Non debe asustarnos o seu nome popular, xa que se nomea dese xeito soamente polo debuxo en forma de caveira que ten a polilla no seu torax.
A especie, orixinaria do África tropical, realiza migracións periódicas ao continente europeo. Esta polilla é nocturna e pódese atopar de xeito frecuente na Península. Posúe gran envergadura, podendo alcanzar os 12 cm. de lonxitude. Aliméntase de savia, mel e flores. Como é de hábitos nocturnos non é sinxelo vela na súa etapa de polilla, pero a eiruga pode atoparse sobre todo no verán. Por tratarse dun lepidóptero, o seu ciclo vital divídese en catro fases: ovo, eiruga, crisálida e bolboreta.
Tras o apareamento, a femia deixa un único ovo de cor gris no dorso das follas das plantas da familia das "solanáceas", especialmente as plantas da pataca ou o tomate. As eirugas aliméntanse xeralmente de noite.
Presentan unha coloración amarela verdosa con liñas azuladas que lle confire un aspecto de eiruga tropical moi rechamante. Tamén hai outra forma de cor pardo coa cabeza branca. Chama a atención non só polo seu gran tamaño e grosor senón por unha pequena protuberancia que presenta no extremo posterior do seu corpo que parece un pequeno rabo, tal e como se pode ver nas fotos que nos enviou Alexandre.
A eiruga, cando se sinte ameazada, emite un chasquido e levanta o torax adoptando postura de esfinxe, de aí ven o nome da familia á que pertence: Sphingidae.
Na etapa final do seu desenvolvemento, as eirugas entérranse para formar a pupa escavando galerías subterráneas profundas en cuxo termo abre unha cámara onde descansan como pupas. A crisálida é de cor marrón e aseméllase a un dátil, ten un tamaño aproximado de 6 cm. Finalmente emerxen os adultos ou polillas do chan.
A Esfinxe da Caveira, sente gran atracción polo mel, e por isto é frecuente atopalas preto dos panales das abellas. Emiten unha feromona que as volve invisibles químicamente, é dicir, que as abellas non as recoñecen e deste xeito aliméntanse do mel do interior das celas dos panales. Presentan unllas nas súas patas, para desgarrar a entrada dos panales e aliméntanse do mel grazas á súa lingua ou probóscide.
A polilla, cando se sinte ameazada abre as ás deixando ver o abdome de raias amarelas (como o dunha abella ou avespa) e emiten un zumbido rouco que asusta rapidamente a calquera depredador. Voan en dúas xeracións anuais: de abril a xuño e de xuño a setembro.
A eiruga que atopou Alexandre, medía 9 centímetros, pero poden chegar a alcanzar os 13 cm. nesta etapa. O feito de atopala entre as patacas é porque, como apuntamos anteriormente, a pataca é unha das súas plantas nutricias.