Carex pendula


Planta moi cespitosa, con talos agudamente trígonos, de ata máis de 200 cm., lisos ou algo ásperos superiormente. Follas de 8-16 mm. de ancho, máis curtas cós talos, pregadas, ásperas, algo glaucas por baixo. Lígula de ata 75 mm. de longo, aguda, sen antelígula. Bráctea inferior foliácea, pouco máis curta cá inflorescencia.

Inflorescencia formada por espiga masculina solitaria cilíndrica de 80-160 mm., e 3-5 espigas femininas -ás veces con algunha flor masculina no ápice-, mestas, de 100-200 mm., cilíndricas, pendurando sobre longos pedúnculos e moi separadas entre si.

Glumas ovais, avermelladas, máis curtas cós utrículos. Estes, de 2,8-3,2 mm., trígonos, ovoides, con veas aparentes, rematados de socato en bico curto, de 0,4-0,5 mm., truncado. Estigmas, 3. 

Florece entre marzo e xullo en beiras de ríos sombrizos da metade norte do país, sendo máis rara no resto.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.