Arum italicum


Planta que acada 10-40 cm., con tubérculo rizomatoso horizontal de ata 5 cm. Follas ata 35 cm., de limbo triangular (saxitadas) con dúas orellas da base diverxentes, que aparecen no outono ou inicio do inverno, con pecíolos ata 40 cm., habitualmente verdes ás veces manchadas de púrpura ou verde diferente.

Espata verde-amarela de 11-40 cm., lanceolada, acuminada. Espádice de 6-13 cm., a metade un terzo de longa cá espata, coas flores dispostas en catro zonas diferentes.

Arriba aparecen 3-11 ringleiras de flores masculinas estériles (estaminodios), seguidas de 7-11 series de estames amarelos no medio, 1-8 series de flores femininas estériles (pistilodios, e 6-17 ringleiras de pistilos. Espiga de 3-10 cm. na frutificación, con baias vermellas de 1-4 sementes.

Florece entre abril e xuño en terras húmidas e removidas, beiras de camiños, etc. Os froitos maduran no verán, ficando ao descuberto ao caer a espata.

A planta ten sido empregada contra catarros de brónquios e máis como purgante, pero non é recomendable o seu uso por ser fortemente velenosa. 

O nome de "herba das anadas" lembra que se empregaba como agoiro de colleitas.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Tagged:  Araceae

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.