Paxaro de 15,5-17,5 cm. O macho ten a cabeza, gorxa, peteiro, ás e rabo negros; lombo cincento; papo, fazulas e peito vermellos; mitra branca moi notoria en voo; infracobertoiras caudais e risca alar brancas. A femia seméllase ao macho, pero ten o lombo máis apardazado e o peito, gorxa e fazulas pardo vermellos. Os inmaturos son coma a femia, pero a súa plumaxe é parda, incluíndo a cabeza; e as ás e rabo son negros. O peteiro de todos eles é negro, curto e groso. Voz monótona e triste: "piu, piu". Voo ondulado. Seméllase ao Pimpín real, pero este ten o lombo negro en verán.
Paliártica. En Europa é principalmente sedentario, distribuíndose desde o centro de Escandinavia ata o norte da Península Ibérica e países mediterráneos. Na Península vese en toda a cornixa cantábrica e Pirineos, así coma en áreas montañosas máis ao sur. En Galiza é sedentario e pouco común; vese maioritariamente na metade oriental ata os 1.700-1.800 metros de altitude. Durante pare do ano é errático.
Habita en arboredos, especialmente caducifólios, pero tamén bosque mixto e sotobosque de lugares sombrizos. Gusta da vexetación ripícola.
Cría en bosques, ás veces en xardíns e hortas, preferentemente abandonados. Pon de finais de abril a xullo 4-5 ovos azuis claros riscados en pardo que choca principalmente a femia durante 14 días; os polos voan ao cabo doutros 14. Dúas roladas, ás veces tres.
Aliméntase de gromos de árbores, sementes, herbas e amoras. É unha especie confiada que normalmente pode verse en parellas ou pequenos grupos.
Lugar de observación: Catasós. Lalín.