Carduelis cannabina


22 Apr
22Apr

Paxaro de 12,5-14 cm. O macho en plumaxe estival ten a fronte e o peito vermellos; dorso pardo arrubiado; caluga gris; ás con risca branca; rabo pouco gallado con rectrices externas brancas; gorxa clara; costas cremosas e ventre branco. En plumaxe invernal carece da cor vermella da fronte e peito.

A femia e os inmaturos teñen o dorso máis pardo, cabeza agrisada e a gorxa e partes inferiores riscadas en escuro. Peteiro gris, curto e groso. Voo ondulante. Pousa no bico dos toxos, nas puntas dos piñeiros e en arames eléctricos. Canto melodioso, variado e agradable, a miúdo emitido a coro.

Paleártico. En Galiza é sedentario con invernantes e moi común, aínda que diminuíu nas últimas décadas. En inverno poden verse bandos de ata 400 individuos.

Habita en campos de labor ermos con mato, bordes de camiños, a miúdo acompañado doutras especies coma xílgaros, verderolos... Aniña en arbustos e toxos. Pon de mediados de abril a xullo 3-5 ovos azulados finamente punteados que choca principalmente a femia durante 12 días; os polos deixan o niño logo doutros 12. Dúas roladas. Aliméntase de todo tipo de sementes.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado na web.