Carduelis spinus


09 Nov
09Nov

Paxaro de 11-12,5 cm. O macho ten o curuto, fronte e gorxa negros; dorso verde escuro lixeiramente riscado; ás e rabo negros manchados de amarelo, este último gallado; mitra amarela; partes inferiores amarelas claras riscadas de pardo. A femia e os inmaturos teñen a plumaxe máis cincenta e riscada e carecen do negro do curuto, fronte e gorxa.

En voo emite un "pli" ou un "tex-tex" e o seu canto é un rechouchío longo e melodioso. Seméllase ao Xirín común, pero este último non ten o curuto, nin a fronte e gorxa negros.

Paleártica. Sedentario e migrador no norte e nordeste de Europa e invernante no resto. Na Península Ibérica cría nos Pirineos e máis raramente na Cordilleira Cantábrica, pero é moi común en inverno no resto. En Galiza é principalmente invernante irregular escaso, con maiores efectivos en invernos fríos en Europa.

Vese de novembro a primeiros de abril e comeza a criar localmente. Anda en bandadas, ás veces de ata 300 exemplares.

Habita en bosques, parques e zonas de arboredo, preferentemente de coníferas, bidueiros e ameneiros.

Constrúe o niño en ramas altas de coníferas e nel pon de abril a xuño 3-5 ovos azuis moi claros riscados de vermello que choca a femia durante 12 días; os polos voan ao cabo de 15. Dúas roladas.

Aliméntase de sementes de coníferas, de ameneiros, bidueiros e cardos.


Lugar de observación: Paseo do Pontiñas. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.