10 Mar
10Mar

Paxaro de 10,5-12 cm. Sexos iguais. Partes superiores verdosas e inferiores amarelas, ás veces parece mostrar unha liña escura no ventre; ás, rabo e curuto azuis, este último rodeado de branco; cara branca con risca ocular negra; colar e gorxa negros; mancha branca na caluga; franxa alar branca. Os inmaturos teñen as partes superiores, incluíndo o curuto, pardas verdosas e as fazulas amarelas o mesmo ca a mancha da caluga. Frecuentemente reproduce con rapidez unha estrofa composta por trinos curtos, finalizados cunha “risa” ( tit- tit- tit- chuuarr), que ademais pode ir seguida de chasqueos. O canto máis común é un "tiit- tiit- tutu…" moi agudo e que continúa con vibracións moi variadas. O voo é ondulado e curto.

Na Península Ibérica é común e sedentario con invernantes. En Galiza é sedentario e case común.

Vinculado a arboredos, parques urbanos, hortas, ribeiras fluviais, bosques mixtos, fragas e mesmo en mato alto.

Fai un niño voluminoso en buratos de árbores, paredes e caixas aniñadoras e nel pon de abril a agosto 6-12 ovos brancos con pencas acastañadas. Choca a femia durante 14 días; os polos voan aos 19. Dúas roladas. Aliméntase de insectos e larvas, arácnidos, vermes, algúns froitos, bagas e sementes.

A especie vese afectada pola perda de bosques, o uso de  insecticidas contra as pragas forestais e a escaseza de ocos para criar. As caixas niño constitúen unha boa solución se se manexan adecuadamente; de non ser así, poden favorecer a sobredepredación de ovos, pitos e adultos. O "Ferreiro bacachís", está considerado como “de interese especial” no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.