21 Dec
21Dec

O abellón carpinteiro europeo é unha especie de himenóptero apócrito da familia Apidae. É unha abella carpinteira moi común en Europa central e meridional, incluíndo a península ibérica.

É de gran tamaño, corpo peludo e cor negra; as ás teñen reflexos azuis e violeta metálicos característicos. A femia ten aguillón pero non é agresiva. Aliméntase de pole e  néctar que colleita visitando flores diversas, polo que é un excelente polinizador. Constrúe niños na madeira perforándoa coas súas mandíbulas, onde escava varias galerías paralelas que desembocan nunha abertura única. Na primavera deposita unha ducia de ovos.

Tras a  eclosión, as larvas aliméntanse dunha mestura de pole e néctar depositados pola femia no niño. 

As xylocopas son consideradas como solitarias e non forman colmeas ou enxames como outros himenópteros, aínda que os niños das diferentes femias si poden estar moi preto uns doutros en lugares adecuados para a súa construción, podendo considerarse case como unha agrupación. 

Nalgunhas especies do xénero  Xylocopa a nai convive coas fillas e chegan a distribuírse o traballo, unhas vixían e coidan do niño, mentres que outras acoden a conseguir alimento, pero nunca chega a ser unha estrutura tan organizada como a das abellas ou avespas sociais.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.