16 Jul
16Jul

Candil de 47-54 mm., de cor xeral negra e amarela e ollos azuis. As ás posteriores, como no resto do xénero, presentan un campo anal característico. Os machos presentan grandes apéndices curvados no extremo do abdome que semellan tenaces.

O abdome do macho é cilíndrico e fino que engrosa cara ao extremo desde o 7º segmento. O triángulo anal das ás posteriores dos machos presentan normalmente 4 celiñas.

Os apéndices anais superiores do macho non presentan ningún dente próximo ao extremo, típico de Onychogomphus forcipatus. As femias carecen de tubérculos tras os ollos e a lámina vulvar está reducida a dúas estreitas láminas que se dirixen unha cara á outra. O deseño do tórax debe ser estudado detidamente, aínda que hai que ter en conta que presenta unha certa variabilidade individual no relativo á extensión das bandas negras.

O desenvolvemento larval ten lugar en augas rápidas, solleiras e de certa entidade. O período de voo da maior parte da poboación comprende desde maio até setembro.

Unha postura típica desta especie é a de permanecer pousada nas praias dos regos co abdome levantado. Pousan nas praias de area ou croios e só voan para cazar ou ante un perigo. A femia pon os ovos en voo tocando a superficie da auga co extremo do abdome.

Distribúese pola Península Ibérica, sur de Francia, Península Itálica e norte de África. En Galiza é unha especie moi común e amplamente espallada.


Lugar de observación: A Trigueira. Zobra. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.