30 Nov
30Nov

De 2-8 centímetros de diámetro e 2-6 centímetros de altura, ao principio ovoide ou ovoide-cilíndrico, aos poucos cónico-campanulado a campanulado-convexo, fortemente delicuescente desde a marxe cara ao centro; superficie brillante, finamente sucada en sentido radial, non higrófana, de cor pardo de dátil, pardo-grisáceo ou gris-sepia, finalmente de cor negra, cuberta por un veo fibriloso, que rompe en placas grandes, máis ou menos concéntricas, de cor esbrancuxada, beige ou rosa.

Láminas moi apertadas, anchas, ascendentes, ventrudas, libres, ao principio de cor esbrancuxada, aos poucos de cor rosada-grisácea e finalmente case negras, fortemente delicuescentes ao madurar, con aresta lixeiramente fimbriada ou enteira.

Carne de cor esbrancuxada, con cheiro un pouco desagradable de fenol ou herbáceo e sabor non destacable. Veo de tipo filamentoso, en ocasións con algúns divertículos nas súas hifas.

Frutifica normalmente durante o outono e invernos temperados; crece de modo gregario ou solitario no humus de bosques de caducifolios, menos frecuente baixo coníferas, moi especialmente baixo diversas Fagáceas tanto caducifolias como esclerófilas, en chans de preferencia calcáreos, ricos e húmidos. Trátase doutra das especies do xénero Coprinus facilmente recoñecibles macroscópicamente; o porte grande e o pileo con veo en forma de parches fibrosos sobre un fondo escuro fana inconfundible. 

Unha especie moi próxima que crece no esterco de vaca, é Coprinus sclerotiorum.

Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.