Coprinus comatus


10 Nov
10Nov

Sombreiro de 2-7 cm. de diámetro e 5-20 cm. de altura, ao principio cilíndrico e aos poucos cilíndrico-campanulado ou cónico-campanulado, en ocasións ovoide, delicuescente desde a marxe cara ao centro.

Superficie seca e mate, non higrófana, de cor esbrancuxada, crema ou marfil, aos poucos tornándose negra desde a marxe pola delicuescencia do himenio. Cuberta desde nova por escamas fibrilosas aplicadas ou revolutas, de cor crema-ocráceo, permanecendo o disco liso ou de cor tostada.

Pé de 6-25 x 1-2 cm., desde cilíndrico a subbulboso na base, non radicante, fráxil. Ao principio cheo, pero pronto oco e de cor esbrancuxada, con superficie glabra ou lixeiramente fibrilosa, provisto dun anel ben formado que queda libre co desenvolvemento, a miúdo tintado de negro polas basidiosporas.

Láminas moi apertadas, anchas, ascendentes, ventrudas, libres, ao principio de cor esbrancuxada, aos poucos rosadas e finalmente negras e fortemente delicuescentes, con aresta lixeiramente fimbriada e máis pálida.

A carne é de textura suave, de cor esbrancuxada, con cheiro agradable como de noz e de sabor suave e fúnxico.

Aparece desde a primavera ata finais do outono, medrando de modo gregario (raramente solitario) no chan e entre herba en prados, marxes de camiño, parques e xardíns, sempre en chans altamente nitrificados e removidos recentemente. 

Practicamente imposible de confundir con outro cogomelo; a forma do chapeu pode ser en ocasións máis ou menos ovoide.

Trátase dun cogomelo moi apreciado como comestible, de sabor suave parecido ao champiñón, sempre que se cociñen os exemplares novos e brancos.


Lugar de observación: Vilatuxe. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.