09 Aug
09Aug

Esta bolboreta é coñecida nalgúns idiomas como bolboreta tigre. Caracterízase pola cor negra con raias brancas das ás anteriores, e o vermello con catro puntos negros en cada unha das ás posteriores. O imago ten unhas dimensións de entre 45 e 60 mm de envergadura alar.

 

Trátase por tanto dunha coloración aposemática que advirte da súa toxicidade. É activa en especial durante o crepúsculo, cando é atraída pola luz, aínda que tamén se deixa ver de día preferentemente en ambientes húmidos como soutos de ribeira, prados e lugares humanizados. As orugas teñen tamén cores vivas e guechos de pelos urticantes. 

Aliméntanse de estrugas e outras especies vexetais. As orugas son invernantes, atópanse desde o mes de setembro, ata xuño do ano seguinte e miden entre 35 e 38 mm. As crisálidas son negras e atópanse sobre o chan, entre as herbas ou debaixo da follaxe entre os meses de xullo e agosto. As crisálidas miden uns 20 mm.

Os imagos voan nunha xeración anual, entre os meses de xullo e setembro. Adoitan ser de hábitos crepusculares.

É frecuente atopar esta especie en biotopos sombríos e frescos, preferiblemente con humidade. Debido á gran polifagia das súas orugas esta especie pode atoparse en diversos hábitats: cultivos, bosques, praderías, zonas de montaña, zonas urbanas, pero sobre todo en zonas próximas a arroios ou ríos.


Lugar de observación: Lalín.



Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.