Xornada de rescate de anfibios

En días pasados desprazámonos ata o concello de Rodeiro para botar unha ollada a dous depósitos de auga situados na ladeira do monte Faro. Estes depósitos construidos en formigón e cunha profundidade de 1,5 metros aprox., que son utilizados coma reserva de auga para a extinción de incendios, teñen alomenos unha das súas paredes a nivel do solo e todas elas sen valar, polo que calquera animal pode acceder ou caer ao interior con facilidade.

Ambos están alimentados por unha tubaxe ou canalización que capta parte da auga de regatos naturais que baixan da cima do monte, e nun dos seus extremos contan con desaugadoiros, un na parte inferior para proceder ao baleirado cando é necesario facer tarefas de limpeza e mantemento, e un na parte superior que evacúa a auga sobrante evitando o seu rebordamento.

Por mor do arrastre de sedimentos e follaxe, é habitual que os tubos de captación se atoen evitando o fluxo de auga. Se a isto lle sumamos periodos de escaseza de chuvias e falta de mantemento das instalacións, é cuestión de tempo que a auga acumulada no seu interior comece a evaporarse lentamente baixando de nivel, converténdose nunha trampa mortal para todo animal que se precipite no interior ante a imposibilidade de gabear polas paredes verticais.

(Depósito nº 1)

(Depósito nº 2)

Desta volta quixemos facer unha revisión do estado destas dúas instalacións e tal e como supoñiamos, ambas tiñan atoadas as tubaxes de suministración e os desaugadoiros inferiores perdendo auga, polo que presentaban un nivel medio-baixo.

(Canle de alimentación do depósito nº 1)

(Tubaxe de alimentación do depósito nº 2)

Esta situación converte a estos depósitos nunha trampa mortal para a fauna, unha problemática que se solucionaría coa instalación de rampas de evacuación das que ambos depósitos carecen.

Inspección e operación de rescate

Nada máis chegar ao depósito 1, procedemos ao rescate de dous exemplares de píntegas adultas (Salamandra salamandra), que luitaban por manterse a flote a duras penas.

(Retirada dun dos exemplares de píntega do depósito nº 1)

(Exemplares de Salamandra salamandra que aboiaban no depósito)

Posteriormente revisamos o fondo e retiramos 5 exemplares adultos de Tritón marmorado (Triturus marmoratus), algún deles aínda en fase pre-terrestre, así como varios exemplares adultos de Picafontes común (Lissotriton boscai) e Picafontes palmado (Lissotriton helveticus). 

(Algúns dos exemplares retirados)

(Exemplar femia e exemplar macho de Picafontes palmado (Lissotriton helveticus))

(Exemplar de Picafontes verde ou Tritón marmorado (Triturus marmoratus))

Todos estes anfibios procuran zonas de augas estancadas ou de corrente lenta con certa profundidade tanto permanentes coma estacionais (charcas, depósitos, estanques, pías de fontes, pozas...), para depositar os seus ovos na época de reprodución,  xa que son espazos propicios para o desenvolvemento das larvas. En estado adulto, combinan fase acuática e terrestre, sendo máis ou menos dependentes da auga segundo a especie, polo que as instalacións sen posibilidade de saída e desprazamento a terra provocan un alto índice de mortalidade.

Evacuación evitando a translocación para frear a posible dispersión de patóxenos

Logo da retirada dos exemplares do depósito 1, procedimos a liberar as píntegas nunha zona húmida con follaxe a poucos metros do mesmo, e ante a ausencia de charcas cercanas á zona de extracción, liberamos os tritóns nunha poza tranquila e suficientemente profunda do regato que o alimenta.

(Liberación das píntegas)

Poderiamos trasladar os exemplares a zonas lonxanas ao punto de extracción, onde houbese charcas máis adecuadas ás súas preferencias, pero liberándoos no entorno próximo evitamos a súa translocación. 

Tomamos esta medida, xa que por desgraza son moitas as enfermidades que están a afectar aos anfibios mermando as súas poboacións e non podemos determinar se os indivíduos deste núcleo conteñen algún tipo de patóxeno, que de ser trasladados a unha nova zona, poderían transmitir ou infectar ás poboacións residentes, xerando un problema maior.

Debemos aclarar que o instrumental utilizado para a extracción (redes e cubetas) foi previamente desinfectado e que se utilizaron distintos equipos en cada un dos depósitos. A extracción realizouse dende o exterior e a manipulación dos exemplares con luvas.

(Liberación no entorno próximo evitando a translocación a masas de auga afastadas)

Logo da operación realizada no depósito 1, achegámonos a revisar o depósito 2 e comprobamos que a súa situación era catastrófica, localizando un cadáver de ra galaica (Ra parvipalmata), 7 cadáveres de píntega, 6 cadáveres de roedores en estado avanzado de descomposición (un deles podería ser un "leirón careto") e varios cadáveres de tritóns.

(Cadaver de píntega e cadaver de roedor, exemplo dos múltipes atopados)

Axiña atopamos tres exemplares de píntega común (Salamandra salamandra) aboiando esgotados que retiramos de inmediato. Posteriormente retiramos 3 exemplares de ra galaica, 6 exemplares de Picafontes palmado (Lissotriton helveticus), 2 exemplares de Picafontes común (Lissotriton boscai) e 1 exemplar de Tritón marmorado (Triturus marmoratus).

(Píntega aboiando no depósito 2)

(Cadaver de Ra parvipalmata retirado do depósito 2)

(Exemplares de "parvipalmata" liberados no regato próximo ao depósito 2)

(Extracción e liberación dun dos varios exemplares de píntega do depósito 2)

(Proceso de extracción no depósito 2)

(Fermoso exemplar de Lissotriton helvéticus retirado do depósito 2)

Balance final e conclusións

Finalmente conseguimos liberar un total de 5 píntegas adultas, 6 tritóns marmorados, 8 picafontes comúns, 14 picafontes palmados e 3 ras galaicas.

Nos depósitos tamén detectamos unha boa cantidade de larvas das especies anteriormente citadas que non retiramos, xa que agora mesmo no interior poderán desenvolverse sen problemas, pero no caso de que non se instalen rampas de evacuación a tempo, haberá que liberalas cando rematen de metamorfosear.

Regresaremos en breve para realizar unha nova inspección e tentar colocar algunha rampa provisional (algún tronco, pola ou táboa) para permitir a saída dos exemplares que poidan precipitarse. Do mesmo xeito, comezaremos a facer as xestións necesarias para que as autoridades ambientáis e as entidades responsables destes depósitos procedan a tomar medidas para solucionar este grave problema que afecta a toda a fauna da contorna (aves, roedores, anfibios, réptiles e mamíferos de maior tamaño), e que pasaría pola colocación de rampas adecuadas.

(Exemplo de depósito con rampa de evacuación)